Friday 10 de May de 2024

O BNG reclama depurar responsabilidades ante as verteduras ilegais do matadoiro municipal de Ribeira


O BNG vén de rexistrar iniciativas no Parlamento de Galiza e no Concello de Ribeira para esixir a depuración de responsabilidades ante unhas verteduras ilegais producidas polo matadoiro municipal ribeirense.

A formación nacionalista informou de que lle chegaron vídeos e fotografías nos que se pode apreciar como o matadoiro municipal verte de maneira incontrolada augas residuais, sen ningún tipo de depuración, ao exterior do recinto. As imaxes e vídeos constatan que esas verteduras non foron debidas a un accidente, xa que hai unha canalización rudimentaria para conducir eses residuos fóra das instalación do matadoiro.

Segundo informan, as verteduras produciron un regueiro de sangue e líquidos con alta carga orgánica que discorreron pendente abaixo filtrándose na terra e que mesmo poderían ter chegado a algún regato próximo, co conseguinte risco para a saúde das persoas.

Os nacionalistas van pedir a actuación dos gobernos local e galego, para que se abra unha investigación e se depuren todas as responsabilidades que poidan existir ante un feito tan grave. Desde o BNG mostran a súa preocupación e non entenden o acontecido, máxime cando a instalación asegura contar cunha depuradora propia para evitar este tipo de sucesos.

Por outra banda, o BNG informou que tamén teñen constancia de queixas veciñais polo trato que se lle dispensa aos animais que van ser sacrificados, por iso entenden que tanto a Xunta de Galiza como o Concello de Ribeira deben actuar para garantir que este tipo de feitos non se volven producir porque afectan gravemente ao medio mais tamén deben comprobar que se cumpre a lexislación vixente, con especial atención a aquela que regula o benestar animal e a depuración de residuos.